AquaOurense impulsa cos concellos a elaboración dun censo provincial de amianto
O prazo de adhesión ao programa promovido pola Deputación permanece aberto ata o 30 de marzo e permitirá identificar instalacións con este material en 91 municipios da provincia
A institución provincial financia o 100 % da iniciativa, que inclúe asistencia técnica, inventario dixital e apoio aos concellos na planificación da retirada
A Deputación de Ourense, a través da Sociedade Provincial de Augas e Medio Ambiente AquaOurense, está a promover entre os concellos da provincia a adhesión ao programa provincial para a elaboración dun censo de instalacións e emprazamentos con amianto, unha iniciativa orientada a reforzar a protección da saúde pública e do medio ambiente.
O programa, aprobado polo pleno provincial no mes de decembro de 2024, diríxese aos 91 municipios ourensáns de menos de 20.000 habitantes e permitirá identificar e localizar infraestruturas que conteñan este material potencialmente perigoso. Os concellos interesados poderán sumarse á iniciativa ata o vindeiro 30 de marzo.
Durante unhas xornadas informativas celebradas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, responsables técnicos da Deputación e de AquaOurense explicaron aos alcaldes, técnicos municipais e persoal das administracións locais o funcionamento do programa e as vantaxes da súa adhesión.
A iniciativa permitirá aos concellos cumprir coas obrigas legais en materia de saúde pública e protección ambiental, facilitando ferramentas técnicas e apoio institucional para avanzar na eliminación progresiva do amianto das instalacións públicas.
Entre as principais características do programa destaca que a Deputación asume o 100 % do custe da iniciativa, o que supón un importante apoio económico para os municipios participantes.
Inventario e planificación da retirada
O plan contempla a elaboración dun inventario detallado das instalacións que conteñen amianto, así como o desenvolvemento dunha plataforma dixital con visor web que permitirá consultar e xestionar o censo de forma centralizada.
Ademais, o programa inclúe asistencia técnica permanente aos concellos para a planificación das actuacións necesarias de retirada ou xestión deste material, un proceso que se desenvolverá progresivamente entre 2025 e 2027.
As xornadas informativas contaron coa participación de preto dun centenar de alcaldes, técnicos e persoal municipal, que puideron coñecer de primeira man os detalles da iniciativa e resolver dúbidas cos especialistas da Deputación e de AquaOurense.
Con este programa, a Deputación e AquaOurense reforzan a súa colaboración cos concellos da provincia para mellorar a seguridade das infraestruturas públicas, avanzar no cumprimento da normativa ambiental e contribuír á protección da saúde da cidadanía.