AquaOurense coordina o censo provincial de amianto coa participación de 87 municipios da provincia
O programa 2025-2027 xa permitiu identificar preto de 49.000 edificacións e avanzar na planificación da retirada deste material en edificios públicos municipais
A iniciativa incorpora un visor web interactivo que facilitará aos concellos a avaliación de riscos e a toma de decisións
A Sociedade Provincial de Augas e Medio Ambiente AquaOurense continúa desenvolvendo o programa provincial para a elaboración do censo de instalacións e emprazamentos con amianto nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Ourense para facilitar o cumprimento da Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
O programa, aprobado polo pleno provincial en decembro de 2024 e con execución prevista entre 2025 e 2027, conta actualmente con 87 municipios adheridos. A través de AquaOurense, a Deputación presta asistencia técnica e apoio aos concellos para identificar as infraestruturas que conteñen amianto e planificar a súa retirada progresiva.
Os traballos comezaron en xuño de 2025 e avanzan xa de forma significativa en distintos municipios da provincia.
Avances no censo provincial
Ata o momento, 35 municipios completaron a fase inicial do programa, que inclúe a elaboración dun censo preliminar e a análise mediante teledetección de cubertas de fibrocemento. Esta fase permitiu analizar arredor de 49.000 edificacións e identificar aproximadamente 16.500 cubertas susceptibles de conter amianto.
Na fase intermedia, centrada no traballo de campo e na revisión técnica do censo, realizáronse preto de 700 inspeccións visuais previas en edificios públicos municipais repartidos en 26 municipios.
Ademais, 18 destes municipios xa se atopan na fase final do proceso, que contempla a elaboración da documentación definitiva do censo e a proposta dun calendario de actuacións para a retirada do amianto nas instalacións municipais.
Un visor web para a xestión municipal
O programa complétase co desenvolvemento dunha ferramenta dixital específica denominada LocAm, un visor web interactivo desenvolvido en colaboración coa empresa Soluciones GIS Galicia, SL.
Esta plataforma permitirá a cada municipio dispoñer dun mapa interactivo cos edificios clasificados segundo o seu nivel de risco de amianto, facilitando tanto a análise técnica como a planificación de futuras intervencións.
Desde AquaOurense destacan que esta iniciativa constitúe un apoio clave para os municipios, especialmente para os de menor tamaño, ao proporcionar ferramentas técnicas, información actualizada e acompañamento especializado para afrontar a identificación e retirada deste material.
O programa contribúe así a reforzar a protección da saúde pública, mellorar a xestión ambiental e avanzar cara a unha administración máis segura e sostible das infraestruturas municipais en toda a provincia.