Axuda - AQUAOURENSE
Axuda
Calidade da auga
-
Pódese beber a auga da billa?
Sen dúbida ningunha. A auga da billa é potable, ou sexa, auga que poden inxerir as persoas sen risco para a súa saúde.
-
Se a auga da miña casa, de repente, ten unha aparencia, sabor ou olor desagradable, pódese beber?
No caso de que, de xeito puntual, a túa auga saia turbia, cun sabor ou olor desagradables, recomendámosche que te poñas en contacto co noso servizo de atención ao cliente.
-
É necesario instalar dispositivos domésticos como os descalcificadores ou filtros de ósmose inversa para mellorar a calidade da auga?
A auga da billa é potable e cumpre todas as normativas de calidade establecidas pola lexislación. Por iso, non é preciso adquirir ningún dispositivo adicional para tratar esta auga. Si que hai que sinalar que se non se elixen adecuadamente estes dispositivos, non se controlan regularmente e non se fai o mantemento recomendado, poderían aparecer riscos para a saúde (contaminación por bacterias, desmineralización excesiva da auga, concentracións elevadas de sodio, etc.).
-
Que é o cloro?
O cloro é o desinfectante de auga máis utilizado no mundo, pola súa efectividade e fiabilidade para eliminar todo tipo de microbios nocivos que poidan conter a auga, as tubaxes de subministración ou os depósitos de almacenamento. O cloro que se engade á auga de consumo humano é unha dose mínima de garantía sanitaria –marcada pola lexislación– totalmente inofensiva para a saúde das persoas.
Por iso, a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoméndao como desinfectante máis indicado para a auga.
De feito, a cloración da auga potable é un dos avances máis significativos na protección da saúde pública.
-
Por que a cloración é a técnica desinfectante máis utilizada no mundo para facer potable a auga?
Porque é o método que mellor garante a desinfección da auga ata que esta chega ás billas dos consumidores, impedindo que proliferen os axentes patóxenos nos depósitos de almacenamento e as tubaxes de subministración, e pola súa máis que comprobada inocuidade nas concentracións empregadas. Por iso, a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoméndao como o desinfectante máis indicado para a auga.
-
Que cantidade de cloro contén a auga da billa?
Segundo a normativa estatal vixente (Real decreto 140/2003), transposición da Directiva europea 98/83/CE, a concentración de cloro na auga para consumo humano non debe superar 1 mg/l, se ben se trata dun parámetro indicativo. Aínda que a lexislación estatal non establece ningún valor mínimo para o cloro libre, diferentes comunidades autónomas téñeno fixado a través dos seus plans de vixilancia, na maioría dos casos, nun valor de 0,2 mg/l.
Tendo en conta que o cloro desaparece en función do tempo de residencia na auga e da temperatura, entre outros factores, o seu nivel contrólase por toda a rede de distribución. Dese xeito, se durante o percorrido ata os fogares dos consumidores o nivel deste compoñente baixa do límite indicativo establecido, desde a propia rede de distribución dosifícanse pequenas cantidades de cloro (recloracións) para garantir a calidade sanitaria da auga.
-
É prexudicial para a saúde?
A OMS sinala que, nas concentracións establecidas pola lexislación, o cloro é totalmente inofensivo para a saúde. As concentracións máximas deste compoñente na auga da billa establecidas por esta organización garanten que non supoña risco ningún para a saúde.
De feito, a cloración da auga potable é un dos avances máis significativos na protección da saúde pública xa que, polo seu alto poder letal contra bacterias e outros microorganismos, contribuíu a previr e erradicar moitas doenzas de transmisión hídrica. A presenza dunha dose correcta de cloro despois do tratamento da auga non comporta risco ningún para a saúde e confire á auga un efecto de protección ante contaminantes, ademais de ser un indicador da súa correcta desinfección.
-
Por que eu noto un sabor que non me gusta na auga e outras persoas non?
A auga contén certas substancias disoltas, que se incorporaron na natureza, que lle confiren un sabor característico. Isto é o natural. Estas substancias disoltas dependen principalmente, entre outros factores, da orixe da auga (subterránea, superficial ou mariña) e da composición xeolóxica do terreo polo que discorre a auga.
O sabor nótase ao cambiar de tipo de auga, pois pasamos dunha auga á que estamos afeitos a outra á que non o estamos.
-
Que orixina a dureza da auga?
A auga adquire o calcio e magnesio que determinan a súa dureza no seu contacto cos distintos tipos de terreos polos que circula o río ou o acuífero de onde procede. Polo tanto, o grao de dureza da auga depende do carácter xeolóxico do solo que atravesa na súa orixe. Así, un solo calcario xera maiores contidos de cal que un solo granítico.
-
As augas duras son boas para a saúde?
A dureza da auga da billa non supón perigo ningún para a saúde humana, senón todo o contrario: o calcio e o magnesio que caracterizan a dureza da auga son esenciais para a saúde.
Unha dieta rica en calcio é fundamental para a formación e o mantemento do tecido óseo, o funcionamento correcto do sistema cardiovascular e a secreción de hormonas. Coa idade, pódese producir unha perda de masa ósea e aparecen problemas de osteoporose, que se poden paliar, en parte, cunha inxestión elevada de calcio.
Na actualidade, a auga converteuse nunha fonte significativa de inxestión de calcio, considerando que o consumo de lácteos diminuíu. Así, o consumo diario de entre 1 e 1,5 litros de auga da billa achega entre un 7% e un 15% da cantidade diaria recomendada deste nutriente. Ademais, o calcio desempeña un papel importante desde o punto de vista dos requirimentos nutricionais diarios dos nenos, e estímase que a auga da billa aporta entre o 15% e o 20% do calcio diario necesario na dieta dos nenos e os adolescentes.
O magnesio é indispensable para numerosas funcións celulares, así como para a mineralización ósea, a transmisión da actividade neuromuscular e do sistema nervioso central e a función cardíaca. Unha inxestión de entre 1 e 1,5 litros de auga da billa de AQUAOURENSE achega entre un 5% e un 20% da cantidade diaria recomendada de magnesio.
-
Como se mide a dureza da auga?
A dureza da auga adóitase expresar a través da concentración de carbonato cálcico (CaCO3) da auga.
Por iso, segundo o grao de dureza, existen diferentes clasificacións das augas. Unha das máis utilizadas é a escala Merck:
0 – 79 mg CaCO3/l…………………………. Auga moi branda
80 – 149 mg CaCO3/l…………………… Auga branda
150 – 329 mg CaCO3/l…………………… Auga semidura
330 – 549 mg CaCO3/l…………………… Auga dura
Más de 550 mg CaCO3/l……………….. Auga moi duraA dureza da auga tamén se pode expresar en graos franceses (ºFH) ou en graos alemáns (ºDH). A equivalencia entre estas unidades e a dureza expresada en mg/l de carbonato cálcico é a seguinte:
1 ºFH = 10 mg CaCO3/l
1 ºDH = 17,8 mg CaCO3/l -
Preciso saber a dureza da auga para programar o lavalouza, onde a podo consultar?
Todos os datos referentes á auga que consumes atópanse na Web pública do Sistema de Información Nacional da Auga. Tamén podes atopar o enlace na nosa web no apartado A Túa Auga / Control da calidade da auga
Saúde
-
É suficiente con 1,5 litros de auga ao día?
É difícil establecer a cantidade exacta de auga que ten que beber unha persoa ao día, xa que as necesidades adoitan variar en función de varios factores, como a actividade física, o clima, a idade e o sexo, entre outros.
Recoméndase que unha persoa adulta sa consuma 1 ml de auga por cada quilocaloría que inxire ao día, é dicir, entre 2 e 3 litros de auga diariamente.
Desta cantidade, entre un 75% e un 80% ten que obterse das bebidas (basicamente, auga, leite, zumes, infusións, caldos, etc.), mentres que o 20% ou o 25% restante ten que proceder de alimentos sólidos, como froita e verdura.
-
Sabes como se recomenda comezar e rematar o día?
Cando durmimos perdemos auga. Por iso é recomendable beber polo menos un vaso antes de deitarse e outro ao erguerse.
-
Por que é importante estar ben hidratados?
Cando transpiramos, o noso corpo perde auga e sales minerais. O 99% da nosa suor non é máis ca auga, pero tamén contén minerais como sodio, potasio, ferro e magnesio.
Unha boa hidratación permítenos recuperar os valores de auga necesarios para o organismo e evitar certos trastornos como vómitos, dores de cabeza, cansazo, pel seca, etc., síntomas característicos da deshidratación.
-
Sabes por que non debemos agardar a ter sede para beber auga?
Hai que compensar canto antes mellor a perda de auga que sofre o corpo diariamente (máis de 2 litros) para evitar que empece o proceso de deshidratación.
Por iso é moi importante que non agardemos a ter a sensación de sede para beber auga, xa que este síntoma é unha característica propia da deshidratación.
-
Temos que beber máis auga cando facemos exercicio?
É fundamental beber medio litro de auga dúas horas antes de facer exercicio para ter unha boa hidratación e deixar tempo ao corpo para que elimine o excedente.
Durante o exercicio, é recomendable hidratarse a intervalos regulares para repoñer toda a auga que se perde coa suor. Despois de facer exercicio, é esencial beber auga para recuperarse adecuadamente.
-
A auga da billa é boa para un atleta de elite?
Si, a auga da billa é boa para un atleta de elite e para calquera persoa que faga deporte.
-
Os nenos poden beber auga da billa?
A auga da billa é saudable para adultos e para nenos e as nenas. É importante que os nenos e as nenas realicen paradas obrigatorias nos adestramentos ou xogos para beber a cantidade de auga suficiente e hidratarse.
-
As persoas maiores teñen que hidratarse máis?
No caso das persoas maiores, é fundamental controlar o consumo de auga, xa que coa idade prodúcense cambios na función renal e unha diminución importante da sensación de sede.
-
Sabías que se recomenda beber máis auga se temos a gripe ou diarrea?
O arrefriado común, a gripe e as diarreas levan frecuentemente á deshidratación, polo que nestes estados é necesario beber auga regularmente.
Uso racional da auga e saneamento
-
Por que é mellor ducharse que bañarse?
É mellor ducharse porque en cada minuto que pasamos debaixo da ducha coa billa aberta podemos gastar ata uns 10 litros de auga.
-
Que plantas son as que requiren un menor consumo de auga?
As plantas que requiren un menor consumo de auga son os arbustos, as plantas autóctonas e as resistentes. Son plantas igualmente bonitas e consomen menos auga.
-
Cal é a mellor hora para regar o xardín?
A primeira hora da mañá ou á tardiña, xa que aproveitamos máis a auga porque non se evapora tan rapidamente.
-
Despois de cociñar, onde boto o aceite?
Aconséllase retirar o aceite da tixola con papel absorbente e botalo ao lixo, ou ben recollelo, unha vez frío, nun envase de plástico hermético e levalo a un punto de recollida para que poida ser reciclado. Non o botes polo vertedoiro porque o aceite e a auga non se mesturan e resulta moi difícil eliminalo nas depuradoras.
-
Por que non se recomenda botar pintura polo vertedoiro?
Non se recomenda porque a pintura é un material moi contaminante. Aconsellámosche que a deixes secar ata obter unha masa sólida e que a leves aos centros de recollida municipais.
-
E as cabichas dos cigarros, podémolas botar polo inodoro?
Non botes as cabichas polo inodoro porque conteñen nicotina e alcatrán, substancias que se disolven facilmente na auga e que son contaminantes, mesmo en pequenas concentracións, e resulta moi difícil eliminalos no proceso de depuración. Bota os restos dos cigarros ao lixo unha vez estean ben apagados.
-
Que outros materiais non convén botar polo inodoro?
As toalliñas húmidas, os medicamentos, os bastonciños, os plásticos, as gasas, as compresas e os preservativos non se deben tirar polo inodoro, xa que se se botan ao váter poden obstruír os canos e afectar á entrada da auga residual nas depuradoras. Aconsellámosche que coloques un pequeno contedor no baño para botar estes residuos sólidos.
Coñécenos
-
Sobre nós
- Presentación
- Modelo Organizativo
- Datos significativos
Entra por el div con hijosEntra por el div con hijosEntra por el div con hijos -
- Canles de contacto
- Ética e cumprimento
- Sistemas de xestión e certificados
Entra por el ifEntra por el ifEntra por el if
Que facemos
-
- Asistencias técnicas
- Control de verteduras
- Laboratorio de analítica
- Consorcio de Valdeorras
Entra por el ifEntra por el ifEntra por el ifEntra por el if
O Noso Compromiso
-
- Pacto social
- Xestión Sostible
- A Fundación da Auga
Entra por el ifEntra por el ifEntra por el if
Dixitalización e innovación
-
PERTE AquaOurense - OU-Intelixente
-
- Cetaqua Galicia
- Proxecto Ruagua
Entra por el ifEntra por el if